A UVigo aproba por unanimidade solicitar a implantación en exclusiva do Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica

Na reunión tamén se deu o visto bo aos Premios Extraordinarios de Doutoramento

A Universidade de Vigo pedirá á Xunta de Galicia a implantación, en exclusiva, do Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica. Así o aprobou este xoves por unanimidade o seu Consello de Goberno nunha sesión extraordinaria convocada co obxectivo de desbloquear a situación deste título e poder así implantalo o vindeiro curso académico 2022/2023 na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. Na reunión tamén se deu o visto bo á concesión dos Premios Extraordinarios de Doutoramento correspondentes ao curso 2020/2021 a 30 estudantes da Universidade de Vigo, o 73% deles mulleres.

A sesión, que tivo lugar no paraninfo do edificio Ernestina Otero e a través de Campus Remoto, estivo presidida por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. Na súa intervención, explicou como este mestrado “é un tema que leva enquistado xa máis de dous anos” e fixo un repaso pola evolución do acontecido. Así, lembrou como a Xunta de Galicia, ante a petición tanto da Universidade de Vigo como da Coruña de pór en marcha este título profesionalizante, decidiu aplicar o acordo existente entre as tres universidades galegas e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional de que se hai interese por parte de varias institucións académicas nun mestrado este debe ser interuniversitario. “Eu non teño ningunha queixa a este respecto. Creo que a Xunta de Galicia fixo as cousas ben. Buscamos unha persoa independente que entre as dúas propostas que había sobre a mesa fixo unha arbitraxe, que foi aceptada polas partes e comezamos as negociacións”, sinalou. Inicialmente, detallou Reigosa na súa intervención, houbo negociacións entre as escolas implicadas de cada universidade, pero non frutificaron e pasaron a negociar os equipos reitorais, chegando a un acordo “que entendíamos que era razoable”. O acordado, dixo, contemplaba que no primeiro curso do mestrado todo o alumnado formaría parte única e exclusivamente da Universidade de Vigo e que a docencia se impartiría toda ela en Ourense, agás dúas semanas de prácticas na Coruña. En segundo, o alumnado que elixise a especialidade prevista para a UDC pediría traslado de expediente e faría alí esa orientación. Porén, dixo o reitor, este acordo “finalmente non se substanciou en nada” e “a reitoría da Coruña deu un paso atrás e dixo que se desvencellaba”.

Ler a noticia completa no DUVI