Universidade, Xunta e Boeing destacan o papel do talento e a cooperación para o futuro do sector aeronáutico

Este martes celebrouse, de xeito virtual debido á COVID-19, unha nova edición do Foro Aero, ciclo de conferencias divulgativas organizado pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. Nela, Grzegorz Kawiecki, associate technical fellow de Boeing Research & Technology- Europe & Brazil, analizou as tendencias en aviación. Ao seu debuxo de futuro desde un punto de vista técnico, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, e José Enrique Román, director xeral de Boeing Research & Technology – Europe & Brazil, sumaron a importancia do talento e da colaboración público-privada para o desenvolvemento do sector aeronáutico.

Esta edición do Foro Aero, tal e como lembraron as autoridades presentes no acto, enmárcase nas actuacións contempladas no marco do convenio de patrocinio para a promoción da formación aeroespacial e as carreiras de enxeñarías asinado en setembro de 2019 entre a Universidade de Vigo e Boeing Research & Technology-Europe. Esta colaboración abrangue aspectos como a creación dun laboratorio na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense, a realización de prácticas do alumnado deste centro na empresa e a creación dun premio para fomentar o talento. O acordo forma parte do Proxecto SkyWay, a achega de Boeing ao Civil UAVs Initiative da Axencia Galega de Innovación, que conta con financiamento da Xunta de Galicia e Feder.

Ler a noticia completa no DUVI