UVigo Aerotech participará na competición universitaria de enxeñaría aeronáutica máis importante de Europa

Cando se cumpre un ano da súa posta en marcha, o equipo de aeromodelismo da Universidade de Vigo, UVigo Aerotech, vén de acadar o seu pase para participar “na competición universitaria de enxeñaría aeronáutica máis importante de Europa”, a Air Cargo Challenge. Na cita, que terá lugar en xullo de 2022 en Múnic (Alemaña), UVigo Aerotech competirá cunha aeronave de á fixa non tripulada en cuxo deseño e fabricación están a traballar unha vintena de estudantes, principalmente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo pero tamén da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

Para poder clasificarse, o equipo da UVigo tivo que cumprir unha serie de requisitos e prazos marcados pola organización. Unha vez superada esta fase, desde UVigo Aerotech salientan o seu orgullo porque “seremos o primeiro equipo galego en participar na historia desta competición, onde 30 das mellores universidades do mundo compiten por realizar o mellor deseño dunha aeronave destinada ao transporte de carga”. Segundo explican, a Air Cargo Challenge estaba previsto inicialmente que se celebrase en 2021 pero finalmente será xullo de 2022 na Universidade Técnica de Múnic debido “ao empeoramento da situación sanitaria actual en todo o mundo e especialmente en Alemaña, país onde se celebra a competición, xunto cos confinamentos e medidas tomadas nos diferentes países de Europa e as corentenas nas viaxes internacionais”. A pesar deste aprazamento, UVigo Aerotech mantén os seus obxectivos e actividades para esta tempada coa idea de que, se a situación sanitaria o permite, presentar antes deste verán o prototipo co que competirá na Air Cargo Challenge.

Ler a noticia completa no DUVI